O PSOE saca peito na presentación das súas candidaturas ao 28A: "Temos datos científicos para dicir que imos mellorar resultados"
Por Natalia Puga
O PSOE presentou este venres as candidaturas coas que concorrerá ás eleccións xerais do próximo 28 de abril para obter representación no Congreso dos Deputados e o Senado cunha mensaxe optimista. Ademais de sacar peito cos logros do goberno socialista de Pedro Sánchez durante o últimos oito meses, tamén o fixeron coas sondaxes que manexan e que lle fan presaxiar que tras a próxima cita coas urnas mellorarán a presenza pontevedresa en ambas as cámaras de representantes.
"Temos datos científicos para dicir que imos mellorar resultados tanto no Congreso como no Senado", asegurou o secretario provincial socialista, David Regades, con motivo da presentación dos cabezas de cartel de ambas as candidaturas. Segundo asegura, fala "cientificamente, non é só vontade e olfacto político".
A candidatura ao Congreso encabézaa Olga Alonso e acompáñana de números dous e tres o actual deputado Guillermo Meijón e Ángeles Marra, respectivamente. Na lista do Senado o número 1 é o actual senador Modesto Pose e acompáñano Margarita Adrio e Daniel Chenlo. Todos fixeron unha foto de grupo acompañados por Regades e o resto da candidatura.
Regades presume de que se trata da "mellor candidatura que poderiamos presentar", fiel reflexo de que o PSOE "se está tomando moi en serio estas eleccións" porque queren seguir gobernando España "con máis fortaleza que nunca" e de que o partido en Pontevedra está "unido e forte".
As listas son cremalleira de homes e mellores e son unha combinación de continuidade e experiencia con xente nova. Así, van dous representantes das Mocidades Socialistas, entre eles, o seu secretario xeral na provincia, Alejandro Figueroa, e tamén políticos con experiencia nas institucións que se marcan como reto que Pontevedra faga "a gran achega que necesita o partido para gobernar en Madrid de forma máis cómoda".
Na presentación da candidatura na Praza de España de Pontevedra, Regades destacou que mentres "outros partidos están a facer moito ruído", o PSOE segue "defendendo que cremos que é o momento do diálogo, do encontro, da conciliación" e que na provincia de Pontevedra o partido "vai a por todas para sacar o mellor resultado".
Olga Alonso destacou que se trata dunha candidatura que, partindo da igualdade, vai tentar "cambiar a vida dos cidadáns", pois "en realidade, iso é para o que serve a política, aínda que agora fálase doutras cousas" mentres que Guillermo Meijón insistiu en que está seguro de que Pedro Sánchez gobernará o próximos catro anos e "a cidadanía vai poder comparar" os sete anos de "espolio do Estado do Benestar" do PP cun goberno socialista no que "a dignidade regresou ao pobo español".