Lores mira 'cara adiante' e asegura na presentación da candidatura do BNG que "o mellor está por vir"
Por Diego Espiño & Diego Torrado
O Auditorio de Afundación foi escenario este venres da presentación da candidatura do Bloque Nacionalista Galego para as próximas eleccións municipais, nas que Miguel Anxo Fernández Lores optará á reelección.
O acto, ante un auditorio cheo de simpatizantes, comezou cunha actuación musical de Marcelo Dobode e estivo conducido polos candidatos e actuais concelleiros Anabel Gulías e Alberto Oubiña, con intervencións de Luís Bará, Carme da Silva, Eva Vilaverde e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
O último en tomar a palabra foi Fernández Lores, que facendo gala dun dos lemas da campaña, 'cara adiante', mostrouse "convencido de que en Pontevedra, o mellor está por vir".
O aínda rexedor da capital botou a vista 20 anos atrás para facer referencia ao resto de forzas políticas da oposición que "non teñen a máis mínima fe nin confianza en Pontevedra", acusou en referencia a uns adversarios que "seguen a propoñer un futuro de turismo relixioso mariano, ou que o único futuro para Pontevedra sexa ENCE, ter que aturar que sega destrozando os nosos montes e a nosa ría e aínda por enriba, ter que agradecerllo. As demais cidades poden recuperar as súas zonas degradadas trasladando industrias, pero Pontevedra non", sinalou.
Lores presumiu ademais dun "modelo urbano, un modelo municipal do máis avanzado do mundo" construído "entre todos e todas", polo que non entende que desde outras formacións políticas propoñan "como grandes novidades que copiemos o que fracasou en Oviedo, ou en Valladolid, en Compostela ou en Barcelona".
Por último o cabeza de cartel do Bloque Nacionalista Galego concluíu asegurando que a cidade "pode avanzar aínda máis rápido", defendendo que tanto el como o equipo que lle acompañará na lista electoral ten "moitas ideas, proxectos ambiciosos, experiencia contrastada e, sobre todo, o que é mais importante, unha enorme ilusión para darlle un novo e potente impulso a Pontevedra".
PONTEVEDRA, UN EXEMPLO DE CAMBIO PARA ANA PONTÓN
Na súa intervención a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que "estamos nun momento importante para a cidade de Pontevedra", unha cidade que "é unha referencia non só para o BNG, é unha referencia internacional do que somos capaces de facer e de como unha cidade cando confía en súas forzas é capaz de avanzar".
Pontón fixo referencias á Xunta de Feijóo, ao Partido Popular de Casado ou aos "alcaldes que van pavonenando de cambio" para incidir en que "quen queira cambio ten que vir a Pontevedra".
Ademais a dirixente nacionalista tivo palabras para a candidata provincial ao Congreso, Carme da Silva, ante a importancia de lograr representación en Madrid, porque "a solución aos noso problemas non vai vir das forzas estatais", defendeu.
PROTESTAS Á ENTRADA DO AUDITORIO
A presentación da candidatura do BNG ás próximas eleccións municipais foi aproveitada por varios colectivos para escenificar as súas protestas á entrada do auditorio. Por unha banda atopábanse policías locais, en pleno conflito laboral co Concello, e por outro veciños de Xeve e Bora afectados polo paso da autovía A-57, que abandonaron o lugar unha vez deu comezo o acto.