Luciano Sobral presenta a candidatura do BNG en Poio coa meta de "alcanzar a maioría para gobernar"
Por Diego Espiño
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este sábado aos integrantes da candidatura coa que concorrerá ás próximas eleccións municipais en Poio, e que estará encabezada de novo polo aínda alcalde Luciano Sobral.
"A nosa intención é revalidar o goberno municipal", recoñeceu ante os medios de comunicación Sobral, coa aspiración de "alcanzar a maioría para gobernar en solitario".
Con todo o candidato nacionalista non se pechou a posibles pactos de goberno como o dos últimos anos co Partido Socialista, asegurando que "non renegamos da experiencia que houbo nos últimos anos de goberno de coalición que creo que foi positiva para os veciños de Poio".
Na lista do BNG destacan dúas incorporacións, a de Raquel Rodríguez no número 4 da candidatura e a de Xosé Rial no 7. "A nosa traxectoria sempre foi renovar entre os nove primeiros algunhas persoas", explicou Luciano Sobral respecto diso.
A lista electoral do Bloque Nacionalista Galego en Poio compóñena: 1-Luciano Sobral, 2-Marga Caldas, 3-Xosé Luís Martínez, 4-Raquel Rodríguez, 5-Xulio Barreiro, 6-Lidia Salgueiro, 7-Xosé Rial, 8-Alicia Martínez, 9-Francisco Xosé Acuña, 10-María Pousada, 11-Alfonso Villanueva, 12-Ana María Casal, 13-Xermán Rouco, 14-Paula Piñeiro, 15-Martín Coego, 16-María Luz Senra, 17-Xan Bautista Cambón, 18-Almudena Acuña, 19-Xosé Río, 20-Josefa Otero.