O Sergas dota dunha sala de raios X ao centro de saúde de Marín
Por Olaya Madrigal
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de anunciar este luns a licitación dun expediente para dotar dunha sala de Radiodiagnóstico Dixital ao centro de saúde de Marín, pertencente á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
A Administración prevé investir un total de 108.900 euros no proxecto de equipamento tecnolóxico do centro de saúde, cuxa adxudicación se realizará mediante procedemento aberto. A licitación responde ao previo anuncio do Servizo Galego de Saúde do seu compromiso para brindarlle aos habitantes de Marín novos servizos asistenciais e maior cobertura sanitaria, pasando pola adquisición do equipamento necesario para poñer en funcionamento a área de radioloxía deste centro de Atención Primaria.
Agora, o procedemento de licitación do expediente continúa cos seus prazos administrativos, tras os cales se anticipa a instalación da sala de Radiodiagnóstico Dixital no andar principal do centro de saúde marinense pola empresa que finalmente resulte adxudicataria do contrato.