Deteñen unha parella por reter contra a súa vontade unha muller nun piso de Vilagarcía
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Vilagarcía detivo durante a pasada fin de semana unha parella por presuntamente reter contra a súa vontade a unha moza de 30 anos nunha vivenda da localidade arousá. Tras pasar pola Comisaría, as dúas persoas arrestadas foron postas a disposición xudicial e o Xulgado de Garda acordou a súa posta en liberdade. Agora, abriuse unha investigación xudicial e policial para aclarar os feitos, dos que hai múltiples versións contradictorias.
Segundo informaron fontes policiais, unha moza de 30 anos de orixe romanesa púxose de acordo cun parella -home de 41 e muller de 19- de orixe colombiana para compartir piso. Inicialmente, nesa vivenda, a moza exercía a prostitución voluntariamente e a parella levaba unha porcentaxe do diñeiro que gañaba a cambio de deixarlle o piso.
Estas mesmas fontes indicaron que durante a convivencia xurdiron discrepancias por motivos económicos e a moza de 30 anos mostrou a súa vontade de romper o acordo previo, pero nese momento empezaron os problemas. A moza, segundo relatou á Policía, quixo abandonar a casa e deixar de exercer alí a prostitución, pero impedíronllo.
A parella e a moza empezaron unha discusión na que se produciron berros e testemuñas acabaron alertando ás Forzas de Seguridade. Unha patrulla da Policía Nacional desprazouse á vivenda e liberou á nova, á vez que procedeu á detención da parella que presuntamente lle impedía abandonar a vivenda.
A Policía atribúea inicialmente aos dous detidos os delitos de detención ilegal, tráfico de drogas e prostitución. Tras tomarlle declaración, o Xulgado de Garda decidiu deixarlles en liberdade, aínda que se mantén a súa condición de investigados.