Cidadáns Pontevedra critica o atraso na apertura do Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Cidadáns Pontevedra, María Rey, criticou a demora na reapertura do Pavillón Multiusos da Xunqueira, un dos recintos deportivos máis utilizados do municipio cuns sete mil usuarios ao mes e que foi obxecto de rehabilitación desde agosto do 2018.
A finais do pasado ano, o Goberno local do BNG anunciou que as pistas do pavillón estarían operativas en xaneiro, e que continuarían os traballos no resto do inmoble. A data de hoxe, o pavillón segue estando pechado, "cos consecuentes efectos colaterais, que afectan a varios equipos do concello".
Segundo María Rey, "o BNG de Pontevedra debe deixarse de inauguracións encubertas e de marketing e poñerse a traballar", sinalou.
A concelleira de Cidadáns criticou que "mentres o Goberno local presume de modelo de cidade, os deportistas dúchanse en barracóns con auga fría", en referencia á situación dos equipos de fútbol que xogan no campo 2 da Xunqueira que utilizan uns vestiarios situados no edificio do pavillón, pero durante as obras habilitáronselles uns vestiarios móbiles "que seguen instalados na Xunqueira e nos que deixaron de funcionar os quentadores".
Rey engade que a empresa que forneceu o pavimento do pavillón confirma na súa web que as obras están terminadas, "polo que o BNG debería explicar por que tarda tanto en abrir estas instalacións; quizais se cadra estea a buscar a fórmula doutra inauguración encuberta".
Relacionadas:
-
O Multiusos da Xunqueira reabrirá o vindeiro luns 1 de abril
Por Diego Espiño |
-
O novo multiusos da Xunqueira "con animaliños" estará listo a mediados de xaneiro
Por Oskar Viéitez |
-
As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción |
-
A reforma do Multiusos comezará "canto antes" e concluirá a finais de ano
Por Alejandro Espiño |