Investigan o roubo de entre 1.500 e 2.000 euros nunha farmacia
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra mantén aberta unha investigación para localizar ao autor dun roubo con forza rexistrado nunha farmacia do centro histórico. O ladrón ou ladróns logrou un botín de entre 1.500 e 2.000 euros.
O roubo produciuse xa a pasada semana, o 17 de marzo, nalgún momento entre as 22.00 e as 9.20 horas do día seguinte, segundo consta na denuncia presentada polos responsables da farmacia na Comisaría Provincial.
Segundo a información facilitada pola Comisaría Provincial, os ladróns forzaron a reixa metálica de seguridade e a porta de acceso para entrar ao interior do establecemento e, unha vez dentro, levaron entre 1.500 e 2.000 euros en diñeiro en efectivo da recadación.
O ladrón ou ladróns actuaron con rapidez e levaron tan só o diñeiro en efectivo, deixando atrás toda a mercadoría, moita dela de elevado valor, que había no establecemento.