Pontevedra contratará unha ducia de axentes para cubrir xubilacións na Policía Local
Por Alejandro Espiño
A oferta de emprego público de Pontevedra para 2019 cinguirase, case exclusivamente, a cubrir as vacantes que deixan as xubilacións na Policía Local. O Concello aprobou este luns contratar quince novas prazas no persoal municipal, das cales doce serán para este corpo de seguridade cidadá.
En concreto, o goberno municipal iniciará o proceso para cubrir dez prazas de policía, que serán de acceso libre, e outras dúas -de promoción interna- para prazas de oficial.
Ademais, sairán a concurso-oposición dúas prazas de bombeiro-condutor e unha praza de técnico medio de xestión.
A intención do Concello é que este proceso se complete antes de que termine o ano.
Xunto con esta oferta de emprego público, o Concello tamén aprobou as bases para abrir unha listaxe de traballadores interinos para cubrir vacantes en varios postos como técnico de administración xeral, técnico de arquivo, informáticos, traballadores sociais e psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM).
RECEPCIÓN AOS AXENTES QUE MARCHAN
Este anunciou coincide coa recepción que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ofreceu este luns a sete axentes da Policía Local que se xubilan.
Tratábase de José Luis García Méndez, José Benito Suárez Pazo e José Luis Marcial López, que marchan tras 40 anos de servizo; José Alberto Cal Fernández, que deixa a Policía tras 39 anos; e Ramón Reguera Reguera, Servando Rodríguez Peña e Joaquín Álvarez González, que completaron case 34 anos no corpo.
Todos eles recibiron unha placa conmemorativa e o alcalde agradeceulles o traballo realizado durante a súa vida profesional ao servizo de todos os pontevedreses e desexarlles a todos o mellor na nova etapa da súa vida.
Os policías xubilados no primeiro trimestre do ano acolléronse á xubilación anticipada, aínda que nalgún caso o adianto foi tan só dun poucos meses. Hai unha oitava axente xubilada nesta quenda e ao longo do ano sumaranse outros catro axentes á listaxe de retirados.