Acondicionan a rede de camiños do núcleo de Pazos
Por Redacción
Este luns comezaron os traballos de pavimentación da rede de camiños do núcleo de Pazos, un dos máis habitados de Ponte Caldelas.
O Goberno local adxudicou dous contratos de pavimentación integral de camiños rurais cun tipo de licitación que ascende a 400.000 euros. As obras van avanzando segundo o previsto e este luns tocoulle a Pazos, onde a veciñanza levaba anos esixindo unha reparación integral.
As actuacións inclúen o varrido e limpeza de toda a superficie, fresado onde é necesario e pavimentación en aglomerado en quente, con 5 centímetros de grosor na práctica totalidade dos camiños, tanto na parte alta como na parte baixa. Non obstante, hai un par de camiños tan estreitos que será necesario resolvelos con firme de formigón.
En total vanse pavimentar uns 3.000 metros cadrados de superficie, dos que 2.500 quedarán con asfalto e uns 500 con formigón, incluíndo a recolocación de tódalas tapas de rexistro de augas pluviais e servizos.
As obras de pavimentación integral están financiadas con fondos propios do Concello e tamén co Plan Concellos 2019, que outorga a Deputación. Ponte Caldelas foi quen de ter xa adxudicadas a totalidade das obras desta anualidade. Gracias a elo estanse a reparar camiños situados en Silvoso de Arriba, Silvoso de Abaixo, Baltar, Coveliño, Forzáns de Arriba, Forzáns de Abaixo, O Coto (Caritel), Laxoso de Abaixo, O Lombo (Cuñas), Avecil (Cuñas), Santa Ana (Buchabade), Taboadelo, Rebordelo, A Esfarrapada, Tourón, O Sobreiro (Xustáns) e Pazos.