O alcalde de Lalín disposto a regalar terreos á Brilat
Por Redacción
O alcalde de Lalín, Xosé Crespo (PP) entrou con forza na polémica negociación aberta sobre os terreos nos que se asenta a Brilat ao anunciar que está disposto a regalar terreos no seu municipio para acoller á Brigada Lixeira Aerotransportable de Pontevedra.
Trátase dunha oferta de "terreos gratuítos e urbanizados ao Ministerio de Defensa para que a Brilat poida manterse na provincia e evitar así que teña que marcharse, por ás dificultades que ten en Figueirido, fora da nosa provincia, mesmo a Asturias, como xa se ten comentado, despois de 47 anos radicada na nosa provincia", asegurou o rexedor popular.
Crespo asegura que "se é preciso conseguiremos os terreos necesarios para poñelos a disposición da Brilat de forma gratuita, libres de toda carga a todos os niveis e totalmente urbanizados listos para instalarse".
O alcalde ten a vista posta no movemento económico que xera a Brilat que sitúa nuns 40 millóns de euros, polo que se mostra disposto a facer "o máis importante dos esforzos pola miña banda e a do meu equipo de goberno para conseguir ás hectáreas de terreo necesarias e poñelas á disposición de Defensa".
Sería "estratéxicamente interesante" para a Brilat e "económicamente beneficioso para Lalín", subliñou Crespo.
Xosé Crespo puxo en valor que Lalín dispón de "unhas comunicacións case perfectas co resto de Galicia e de España" destacando ademais a proximidade do aeródromo militar de Lavacolla.