O polígono do Vao, en disposición de comezar a construírse antes de finais de ano
Por Alejandro Espiño
Se os promotores así o estiman oportuno, o novo polígono comercial do Vao, que estará situado enfronte do actual, poderá comezar a construírse antes de que finalice este ano. Así o explicou este martes a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías.
O Concello aprobou inicialmente o proxecto de urbanización deste polígono que, a falta do trámite de exposición pública e dos informes sectoriais de distintas administracións, quedará tan só a expensas de que os promotores soliciten a licenza para iniciar as obras.
O polígono, ademais, xa conta coa autorización comercial da Xunta de Galicia. Isto significa que as obras de urbanización poderían compaxinarse coa construción das naves que acollerán ás empresas interesadas en establecerse alí.
Entre as novidades, segundo explicou Anabel Gulías, está o requirimento da Axencia Galega de Infraestruturas para que se constrúa unha nova rotonda no extremo norte do novo polígono, para mellorar a seguridade viaria na PO-531, a estrada entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
O novo polígono do Vao estará dividido en dous partes e ocupará un terreo de 29.780 metros cadrados. Haberá dúas parcelas para uso comercial, unha de 17.731 metros cadrados e outra de 1.267 metros cadrados, e o Concello dispoñerá dun terreo cedido de 1.758 metros cadrados e dunha parcela para equipamentos de 688 metros cadrados.
Contará, ademais, con 4.406 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes e cun total de 462 prazas de aparcadoiro. O polígono complétase cun ámbito de 3.915 metros cadrados que se cederán a Fomento para un viario de servizo para a AP-9.
EMPRESAS INTERESADAS
Anabel Gulías non quixo detallar as empresas interesadas en situarse neste novo polígono, ao entender que esa información corresponde aos promotores. Nos últimos anos falouse do interese de varias multinacionais coas que, mesmo, chegouse a asinar precontratos.
A edil de Urbanismo asegura que si lle consta, por consultas no Concello, do interese dunha gran cadea de alimentación que estaría interesada en abrir un hipermercado neste ámbito comercial.
Relacionadas:
-
A xustiza rexeita o recurso de Bricoking contra a ampliación do polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |
-
Tres empresarios inician a tramitación para ampliar o polígono do Vao
Por Diego Espiño |
-
Propietarios do polígono do Vao demandan unha rotonda na estrada de Vilagarcía
Por Redacción |
-
O polígono do Vao, pendente da entrega de documentación dos promotores ao Concello
Por Natalia Puga |
-
Tramitan ante Costas a construción dun aparcamento no futuro polígono do Vao
Por Alejandro Espiño |