Fiscalía rebaixa a petición de pena para un dos dous acusados de agredir sexualmente unha moza en Vilagarcía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os dous acusados de atentar contra a liberdade sexual dunha moza nun piso de Vilagarcía de Arousa na madrugada do día 19 de maio de 2013 declarábanse inocentes dos feitos que se lle imputan ante a xuíza da sala cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra, Nélida Cid.
Os acusados, ambos maiores de idade, L.G. e P.B., relataron que esa noite quedaran varios amigos, entre os que se atopaba a vítima e o seu mozo, para facer un botellón no piso de P.B. antes de asistir a un concerto no recinto de Fexdega.
P.B. indicou que ao redor das 4.30 horas regresou ao seu domicilio, próximo ao lugar do recital, e avisou a L.G., que tiña unha perna escaiolada, para que se quedara na súa vivenda a durmir na cama niño do cuarto de P.B. Mentres xogaban á Play, L.G. púxose en contacto con S. á que vira chorando durante o concerto, comunicoulle onde estaba e, sempre segundo o relato do acusado, a moza foi ata a vivenda na que se encontraban.
L.G. declarou ante a xuíza que a moza ao chegar indicou que tiña frío, descalzouse e meteuse na cama con el. Afirmou que a axudou a quitar as medias e a faixa porque ela non era capaz para, a continuación, manter dúas relacións sexuais "consentidas", segundo o acusado. Entretanto, P.B. queixábase de que non lle deixaban durmir.
P.B. declarou que "en ningún momento" chegara a presionar os seus xenitais contra a boca da muller, como figura no escrito da Fiscalía. Pola súa parte, L.G. rexeitou que exaculara nalgunha das dúas penetracións. Ambos coincidiron tamén en indicar que a moza comezou a temer que foran a contar ao seu mozo o que lle sucedera e que se marchou. L.G. insistiu ademais en que el e a vítima mantiñan unha "relación especial" de amizade desde os tres anos e que se tiñan producido varios episodios de "tonteo" entre ámbolos.
DECLARACIÓN DA VÍTIMA
A versión dos acusados difire da ofrecida pola vítima que declarou, con tensión, que aquela noite se achegara ao piso porque estaba buscando a súa parella, que non lle contestaba ao móbil. Unha vez na vivenda dirixiouse ao salón e afirmou que L.G. e P.B. lle pediron que fora á habitación na que se atopaban.
Unha vez alí, a moza relataba que estaba ebria, sentou na cama e quedara durmida porque se atopaba cansa. Espertou cando notou que L.G. estaba a quitarlle a roupa. Segundo explicou pediulle que parara pero el continuou retirándolle a faixa e as medias. Malia dicir "no quiero" e intentar zafarse, P.B. agarrouna do brazo esquerdo. Mentres L.G. a penetraba vaxinalmente, segundo relatou, P.B. tentaba que lle practicara unha felación. Despois, afirmou, retirouse tras a exaculación de L.G. e vestiuse sen falar con ningún deles. Marchou a casa, duchouse e quedou durmida.
Segundo manifestou, ao día seguinte enviou unha mensaxe a L.G. na que dicía "esto que has hecho se llama violación. Ten miedo". Explicou que foi un acto que non pensara e que se arrepentía de telo feito. Negou tamén que tonteara con Lucas e afirmou que non se daba conta do que lle sucedera ata que falou cunha amiga, horas despois, sobre os feitos. A partir de aí entendeu que o que lle pasara "se llama violación" ao terse negado a manter a relación sexual. Foi tras falar coa nai da súa amiga e cos seus propios pais cando decidiu ir ao Hospital do Salnés para un recoñecemento xinecolóxico e presentar denuncia por agresión sexual na Comisaría.
A vítima recoñeceu que durante catro anos tivo que recorrer a axuda psicolóxica e admitiu que, ao principio, se atopaba con medo a saír de casa. Un dato que confirmaron tanto a súa nai como o seu mozo naquel momento.
Os avogados da defensa dos dous acusados tentaron presentar contradicións entre as mensaxes de whatsapp que enviou nos días seguintes coa súa declaración. A vítima alegou que non lembraba terlle enviado unha foto do seu can a L.G. ao día seguinte dos feitos e tampouco lembraba terlle trasladado un guión a súa parella para o momento en que tivese que prestar declaración. Foi necesario interromper a declaración da moza durante uns minutos ao indicar que se encontraba mareada.
A Fiscalía solicita para L.G. unha pena de 14 anos de prisión e reduce a petición para o cooperador necesario P.B. a 9 anos de cárcere. O xuízo continuará o vindeiro mércores 3, ás 10.00 horas, na Audiencia Provincial.
Relacionadas:
-
Absoltos os dous acusados de violar unha moza en Vilagarcía despois dun "botellón"
Por Redacción |
-
As defensas dos acusados por agresión sexual en Arousa alegan "lagunas y contradicciones" no relato da vítima
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden catorce anos de cárcere para dous mozos acusados de violar unha amiga en Vilagarcía
Por Redacción |