Un incendio forestal mantén en alerta os veciños de Viascón
Por Natalia Puga & Redacción
O lume volveu afectar ao Concello de Cerdedo-Cotobade este martes cun incendio que, unha vez máis, afecta á parroquia de Viascón, unha das máis castigadas polas lapas cada ano. Este ano non houbo que esperar ao verán, senón que pasadas as 18.30 horas deste martes varios veciños do lugar de Cabanelas daban a alerta pola por un incendio forestal próximo a vivendas.
O lume propagouse rápido favorecido polo forte vento racheado desprazando a fronte de lapas en dirección a Carballedo e afastándoo das casas.
No lugar do incendio, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, informou de que se mobilizaron medios municipais e tamén autonómicos da Xunta de Galicia, ademais da presenza da Garda Civil.
Así, mobilizáronse catro cuadrillas, dúas motobombas, unha pa e un buldócer, coordinados por tres axentes forestais. Colaboran as dotacións de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade por se fose necesario mobilizar aos veciños para algún desaloxo.
Sobre as 21.30 horas Cubela calculaba que o incendio podería tardar unhas dúas horas en ser controlado, atendendo ao perímetro que estaba a ser atacado a esa hora. A superficie afectada xa sumaba 10 hectáreas de eucaliptal.
"Me din os responsables de incendios que está previsto que se incorporen medios de extinción do distrito de Lalín", apuntou o alcalde.
"É unha pena que Viascon sexa coñecido todos os anos polos incendios", lamentou Jorge Cubela que reclamou medidas para corrixir esta situación.