Cirurxía da fístula perianal, retransmitida en directo no Hospital Montecelo
Por Redacción
O Hospital Montecelo converterase este xoves na sede dunha xornada de cirurxía coloproctolóxica na que, en horario matinal, realizaranse catro intervencións nun quirófano, que serán retransmitidas en directo con imaxe e son ao salón de actos do centro hospitalario.
Alí, os participantes nesta xornada poderán comunicarse e interaccionar co equipo cirúrxico en tempo real. Durante as operacións tamén está previsto que se realice un videoforum.
A directora de Procesos Asistenciais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Sonia Fernández-Arruti, presentaba esta iniciativa na que participarán máis dun centenar de profesionais procedentes de Galicia e de diferentes puntos de España e de Portugal.
O servizo de Cirurxía Xeral desenvolve este foro para contribuír ao progreso científico e á súa difusión no campo da cirurxía colorrectal. Con esta proposta transmitiranse coñecementos nunha xornada de comunicación e debate aberto entre todos os asistentes.
Durante a tarde realizaranse dúas mesas redondas e unha conferencia para que os asistentes poidan actualizar os fundamentos anatómicos e de diagnóstico por imaxe, ademais da presentación das distintas técnicas.
A fístula perianal é unha das patoloxías frecuentes e escolleuse como temática principal para abordar ao longo desta xornada na que se analizarán as diversas fórmulas de tratalas. A fístula na zona anal é un traxecto inflamatorio localizado por baixo da pel que rodea o ano. Os principais síntomas desta patoloxía céntranse na saída intermitente de pus polo orificio externo, molestias, dor ou irritación na rexión periférica do ano.
A causa principal desta patoloxía atópase na infección dunha das glándulas, que se obstrúe provocando unha inflamación e as bacterias proliferan no interior.
Segundo explican desde o departamento de cirurxía rexístranse casos nos que a abordaxe terapéutica resulta difícil. Durante os últimos anos desenvolvéronse técnicas menos invasivas que pretenden a reincorporación precoz dos pacientes á actividade habitual. En moitas ocasións, estes procedementos cirúrxicos proctológicos pódense realizar a través do réxime ambulatorio dentro da atención sanitaria de calidade.