Case 39.000 euros para instalar a rede de saneamento de augas residuais en Canelas
Por Redacción
A empresa Construcciones Vale levará a cabo a instalación da rede de saneamento de augas residuais no núcleo de casas de Canelas, que se atopa próximo a esta praia no municipio de Sanxenxo. O orzamento previsto supera os 38.800 euros.
Na actualidade, as vivendas situadas neste punto carecen de servizo de saneamento de augas residuais. O goberno local de Sanxenxo redactou un proxecto que se financia con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Os traballos realizaranse nun tramo de 200 metros. Centraranse na apertura dunha gabia para a instalación das canalizacións e dos pozos de rexistro. Despois repoñerase o firme alterado por esta actuación. A duración das obras limítase a tres meses.
Para executar este proxecto, segundo o Concello de Sanxenxo, foi necesaria a autorización do servizo provincial de Costas, do departamento de Urbanismo da consellería de Medio Ambiente e de particulares, xa que o colector de saneamento discorre por terreos privados.