Absolven por falta de probas a cinco acusados de estafar unha nai e unha filla en relación cunha herdanza
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra decidiu absolver por falta de probas a cinco acusados de enganar hai unha década a unha nai e unha filla en relación coa herdanza do marido e pai de ambas as á súa morte.
A acusación sostiña que os cincos enganaran á nai para que vendese unha participación nunha sociedade de gananciais e á filla para que outorgase os dereitos sucesorios que puidesen corresponderlle na herdanza do seu pai.
A sentenza da Sección Cuarta da Audiencia sostén que non existe a "certeza" do engano atribuído e que "a proba de cargo practicada non é suficiente para enervar a presunción de inocencia dos acusados".
O tribunal provincial non ve "signo incriminatorio bastante" nas probas que se expuxeron durante o xuízo para concluír coa "necesaria certeza" que existise engano e que debido a ese engano houbese un "erro" nas denunciantes que motivase o desprazamento patrimonial efectuado.
Segundo a sentenza, esa falta de proba conduce necesariamente á libre absolución dos acusados e tamén a unha sexta muller, esposa dun dos sospeitosos, que compareceu en calidade de responsable civil.
Os feitos xulgados producíronse en decembro de 2009. A Audiencia considera probado que unha das mulleres outorgou ante notario unha escritura de compravenda en virtude da cal transmitiu a súa participación nunha sociedade de gananciais disolta pero non liquidada , pola suma de 50.000 euros e a súa filla outorgou ao mesmo destinatario, tamén ante notario, os dereitos sucesorios que puidesen corresponderlle na herdanza do seu pai, indivisa e sen aceptar. Non considera probado que os acusados influísen nas respectivas decisións de realizar as vendas nin que estes tivesen acordo algún cos beneficiarios polas cesións.
Neste xuízo, a Fiscalía non formulaba acusación contra os cinco procesados e as supostas vítimas sostiñan a acusación particular. Pedían que fosen condenados por un delito de estafa a seis anos de prisión e multa de 18 meses a 12 euros diarios e tamén que a Audiencia declarase a nulidade dos contratos de compravenda outorgados en decembro de 2009. Tamén reclamaban unha indemnización.