"Contra o cancro de colon, séntate", a campaña da AECC que ensina a realizar no inodoro test de prevención da enfermidade
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot
Os voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra saíron á rúa este xoves pola mañá para informar e concienciar sobre a prevención do cancro de colon.
Situados entre Benito Corbal e a Peregrina, a asociación pontevedresa da AECC brindou información aos viandantes sobre o proceso sanitario e o funcionamento da nova proba de prevención contra o cancro de colon, o test de feces, recollida na campaña estatal "Contra o cancro de colon, séntate".
A campaña, de información e sensibilización, ten implantación en todo o país e leva posta en marcha preto dunha semana, coincidindo o seu remate o día 31, Día Mundial contra o Cancro de Colon, no que se realizarán diferentes actos relacionados coa prevención da enfermidade.
A actuación ten como fundamento a posta en coñecemento do test e a diminución do número de persoas que non foron diagnosticadas ao comezo da súa enfermidade, xa que, segundo datos da AECC, o 90% dos casos detectados a tempo pódense curar. Pola contra, máis de 15.000 persoas ao ano morren a causa da enfermidade.
Como reclamo, xunto ao stand colocaron un inodoro no que os interesados podían sacar unha foto mentres suxeitaban unha máscara ca emblemática emoticona sorrinte de WhatsApp, mascota da campaña.
Ao mesmo tempo, os voluntarios ofrecían información e ensinaban as probas e a súa estrutura, que, grazas ao seu deseño, permiten a realización da proba de forma sinxela, autónoma e hixiénica nun inodoro común, segundo explicaba Josefa Crespo, presidenta da AECC en Pontevedra.
A Consellería de Sanidade envía unha carta a aqueles pertencentes a un grupo de risco, normalmente ao alcanzar os 50 anos, na que se formula a posibilidade de realizar ou non a proba. De querer facela, o paciente unicamente ten que marcar un "si" e volver a remitila.
Aos poucos días, recibirá o test, en cuxa etiqueta irán introducidos os seus datos. Só resta realizalo, entregalo no seu centro de Atención Primaria e agardar os resultados. Se non se atopa sangue nas feces, recibirá unha carta no seu domicilio co resultado negativo.
Segundo o folleto do Sergas, o resultado é negativo en 932 de cada 1.000 persoas que realizan a proba. No caso contrario, se o resultado é positivo, o paciente recibirá unha carta cunha cita no seu centro de saúde, onde o médico, tras unha consulta, lle dará a información necesaria sobre a colonoscopia e comprobará que non existe ningún impedimento para realizala.
Relacionadas:
-
Jesús Rey, novo presidente de AJE, entrega un cheque solidario á Asociación contra o Cancro
Por Redacción |
-
A Asociación contra o cancro sae á rúa para recadar fondos para a investigación
Por Redacción |
-
Focus Galicia, o programa de intelixencia artificial para detectar hepatite C e VIH
Por Olaya Madrigal |