Pontevedra prevé iniciar a construción do skatepark antes de que remate o ano
Por Alejandro Espiño
O skatepark de Pontevedra, agora si, está máis preto de ser unha realidade. O Concello presentou este xoves o proxecto definitivo para este novo equipamento deportivo que, se os trámites administrativos non se atrasan, estará en disposición de iniciar as obras de construción antes de final de ano.
Esta zona deportiva, que se habilitará nunha parcela de 10.600 metros cadrados situada á entrada do campus universitario, conta cun orzamento próximo aos 500.000 euros.
O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, explicou que será unha instalación deportiva de "primeiro nivel" que terá zonas "claramente diferenciadas" e con capacidade para acoller probas deportivas internacionais. Todo iso, engadiu, dará "dinamismo" a toda esta zona.
Ocupará en total 1.342 metros cadrados e estará integrado na súa contorna, respectando as árbores actuais -só se trasplantarán "dous ou tres" segundo Oubiña, creando non só un espazo deportivo, senón tamén unha nova zona verde na cidade.
O proxecto inclúe dúas prazas para a práctica de skate, unha orientada máis cara os profesionais e outra pensada para a iniciación a este deporte. Ambas as zonas estarán unidas, aínda que poderán usarse por separado, e contarán con elementos de todo tipo como ramplas, escaleiras ou varandas, recreando os obstáculos que se poden atopar na rúa.
Ademais, unha terceira zona incluirá un "bowl" que, en forma de piscina, permite aos deportistas coller maiores velocidades e facer saltos e piruetas no aire.
O deseño deste parque respectará tamén os itinerarios peonís creados pola Universidade de Vigo na zona, que son patinables e quedarán integrados neste espazo que, doutra banda, contará cunha iluminación cenital o que facilita a práctica deste deporte e dará unha maior seguridade en horario nocturno.
Os representantes da asociación de skaters de Pontevedra, Brandan Phillips e Javier Segura, mostraron a súa satisfacción ante un proxecto que cobre as súas necesidades e no que, destacaron, puideron colaborar achegando ideas e suxestións para melloralo.
Ambos celebraron que o deseño escollido fuxiran dos skateparks que se facían nos anos 90, en zonas industriais nas que "daba medo" ir practicar este deporte e que a proposta non se limitara a "vomitar" formigón sobre o chan senón que sexa "algo bonito".
Este espazo, entenden estes dous mozos, permitirá que as preto de 200 persoas rexistradas nesta asociación teñan un lugar "digno" para adestrar, especialmente cando este deporte pasou a ser olímpico, o que animou a moitos a deixar de velo como un "hobby" e tratar de alcanzar un status de profesionalidade.
Relacionadas:
-
O PP pide replantear o skatepark da Xunqueira para incluír modificacións
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello solicita permiso á Universidade de Vigo para a construción do skatepark da Xunqueira
Por Redacción |
-
Pontevedra aprobará en xullo a primeira modificación de crédito do novo mandato
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra rende culto ao skate
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Usuarios do futuro skatepark supervisan o proxecto para convertelo en "referente"
Por Alejandro Espiño |
-
A universidade valora o efecto "positivo" que terá o skatepark ao "revitalizar" o campus
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |