Cerdedo-Cotobade reduce o seu orzamento municipal ata os 4,1 millóns
Por Oskar Viéitez
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de presentar o seu proxecto de orzamento municipal 2019, que está fixado en 4.119.740 euros.
O goberno local destaca destas contas que teñen unha "forte aposta polos Servizos Sociais e pola consolidación da contención fiscal tras a aprobación de tres rebaixas tributarias e a supresión do imposto de obras hai dous exercicios".
As contas para o presente ano, que se debatirán no pleno do vindeiro martes, diminúen nun 19% con respecto ás de 2018, no que alcanzaron os 5,1 millóns. Os motivos deste descenso son a fixación dun teito de gasto de 4,2 millóns por parte dos servizos técnicos e a "forte reducción" do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
"A estratexia da Deputación co Plan Concellos aportando case dúas anualidades xuntas no exercicio precedente ás eleccións motivou que o ano pasado nos foramos por riba dos cinco millóns e que neste nos quedaramos uns 400.000 euros por debaixo do que vai ser o noso orzamento medio nos vindeiros exercicios", detallou o presidente municipal, Jorge Cubela.