A Xunta mellora a seguridade viaria en tramos de Portonovo e Sanxenxo
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas destina 83.954 euros a dúas actuacións que comezarán despois de Semana Santa e que mellorarán a seguridade viaria en Portonovo e Sanxenxo, en dous tramos con carácter urbano da PO-308.
En Portonovo, no punto no que se cruzan a PO-308 coa rúa A Perla e a Estrada do Catadoiro, faise necesario regular dunha forma ordenada esta intersección cunha rotonda e medidas para reducir a velocidade.
Neste punto farase unha demolición no firme para xerar espazo para a nova rotonda, que terá un anel central, illotes, ampliación das beirarrúas e o trazado da nova rede de drenaxe.
Na avenida de León á altura dun dos accesos á praia da Carabuxeira executarase un tramo de beirarrúa na marxe esquerda do viario, para dar continuidade a todo o trazado peonil, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na zona, dotando aos peóns dun espazo de paso propio.
O prazo de execución dos traballos é de dous meses.