Pontevedra quere unha Bandeira Azul para a praia fluvial do Lérez
Por Alejandro Espiño
Pontevedra tamén quere a súa Bandeira Azul. Lograr este distintivo medioambiental, que recoñece a calidade e os bos servizos de praias e portos de todo o mundo, é o obxectivo que se marcou o goberno municipal para a praia fluvial do Lérez. Así o desvelou este luns a concelleira de Medio Ambiente, Anxos Riveiro, que afirmou que a intención é solicitala de cara ao próximo verán.
Trátase, en todo caso, dun trámite "farragoso", porque segundo explicou Anxos Riveiro, "hai que solicitar moitos informes" o que alarga o proceso administrativo "e o noso persoal é escaso". Espera que unha vez estean completados eses informes "con eses antecedentes sexa máis doado optar a este recoñecemento". Solicitarase inicialmente só para a praia fluvial do Lérez, aínda que non se descarta "máis adiante" facelo tamén para a de Ponte Sampaio.
Mentres tanto, o Concello de Pontevedra trata de arrombar as praias ante a inminente campaña estival. Uns traballos que, explicou, atrasáronse polo mal tempo. "Foi imposible facelo antes", afirmou a concelleira nacionalista. Estanse realizando en ambos areais fluviais tarefas de mantemento da area e no tratamento de toda a súa contorna, para que estean en óptimas condicións cando chegue o bo tempo.
Neste sentido, Anxos Riveiro adiantou que o 22 de xuño entrará en funcionamento o servizo de socorristas na praia do Lérez. Estará operativo ata o 8 de setembro. Durante os meses de xuño e xullo haberá un socorrista, mentres que en agosto reforzarase cun segundo traballador.
A este servizo engadirase, en breve, a reapertura do quiosco situado na praia fluvial. A tramitación para a súa adxudicación está prácticamente finalizada e aprobarase nos próximos días.