Unha veciña denuncia que o Concello de Vilaboa repoboou a súa leira sen autorización
Por Oskar Viéitez
Unha veciña do Toural denunciou ante a Garda Civil que unha leira da súa propiedade próxima ás Salinas de Ulló foi repoboada sen autorización polo Concello de Vilaboa que plantou nese terreo privado decenas de freixos e castiñeiros.
O Partido Popular de Vilaboa fixo públicos estes feitos nun comunicado no que explica que esta muller cortou recentemente todos os eucaliptos e para a súa sorpresa este domingo atopou o seu terreo cheo de novas árbores, descoñecendo a autoría da plantación.
Sinalan que esta veciña está "indignada" e non entende como o Concello sen a súa autorización puido levar a cabo ese traballo con diñeiro público.
Agora pedirá que se retiren as árbores, que tapen os regos, en definitiva, que deixen o terreo na mesma situación que o atoparon. O PP anuncia que presentará no Rexistro do concello unha serie de preguntas para solicitar información oficial sobre este asunto.