Simulacro electoral para comprobar como van votar as persoas con discapacidade intelectual
Por Olaya Madrigal
A finais do ano anterior, as Cortes Xerais aprobaron unha reforma da lei electoral para que os 100.000 españois con discapacidade intelectual, 5.000 en Galicia, puideran exercer o seu dereito ao voto nas próximas eleccións, ademais de poder ser elixidos en calquera cota electoral.
O momento en que aqueles afectados pola reforma fagan uso por primeira vez do seu voto (28 de abril e 26 de maio) estase aproximando, polo que FADEMGA (Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento) Plena Inclusión Galicia ve imprescindible unha concienciación sobre a importancia da accesibilidade cognitiva en cuestións electorais, que permita a creación de información de lectura fácil para que estas persoas poidan exercer o seu dereito nas mesmas circunstancias que as demais.
Con este fin, pero tamén co de avaliar as posibles dificultades que poidan afectarlle no proceso electoral, así como anticiparse aos posibles apoios que precisen nos próximos comicios, FADEMGA Inclusión Social está a organizar un simulacro electoral para este venres 5 de abril, que se celebrará simultáneamente en 8 localidades de Galicia entre as 11:00 e as 13:00 horas.
No caso de Pontevedra, o simulacro efectuarase no colexio de educación especial, coa axuda de Juan XXIII.
A iniciativa, que xa actuou noutros lugares como Madrid, Asturias e Valencia, invitou aos políticos locais a acercarse ás "mesas electorais" para que poidan coñecer de primeira man a importancia da accesibilidade cognitiva para os posibles votantes e comecen a ofrecer material adaptado de lectura fácil.
En palabras do presidente de FADEMGA Plena Inclusión Galicia, "o exercicio do seu dereito a voto é un avance que reforza os nosos valores de sociedade inclusiva, diversa e plural. Era unha débeda da cidadanía, xa que ata agora as persoas con discapacidade intelectual eran cidadáns de segunda”.
Relacionadas:
-
Os colexios electorais de Vilagarcía dispoñerán de pictogramas para garantir o dereito a voto ás persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
As eleccións ficticias de facultade de Ciencias Sociais, un simulacro da realidade social
Por Olaya Madrigal |
-
Ensaios no Xoán XXIII para votar por primeira vez
Por Almu Dapena & Mónica Patxot |