As defensas dos acusados por agresión sexual en Arousa alegan "lagunas y contradicciones" no relato da vítima
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O xuízo contra dous veciños de Vilagarcía de Arousa por unha agresión sexual a unha moza continuaba a súa vista oral este mércores e quedaba visto para sentenza na sala cuarta da Audiencia de Pontevedra.
O fiscal solicita para un dos mozos acusados, L.G., 14 anos de prisión como autor dun delito de agresión sexual con penetración mentres que para P.B. reclama 9 anos como colaborador necesario para a comisión do delito. Pola súa banda, a acusación particular entende que ambos son autores dunha violación e por tanto reclama 14 anos de prisión para ambos. Os avogados das defensas de ambos os imputados solicitan a libre absolución
A falta de probas periciais concluíntes sobre a comisión da agresión sexual provoca que o relato da vítima se convertira neste xuízo no principal punto no que se focaliza a atención das partes. Desta forma, o fiscal entende que o testemuño da moza é verosímil e persistente, "sen móbiles espúreos" sinalando que a presenza de seme na roupa interior da moza con ADN que se corresponde a L.G. contradi a versión do presunto agresor ao afirmar que mantivera unha relación consentida coa moza sen chegar a exacular.
Para o fiscal, a vítima rexeitara manter o acto sexual e mentres P.B. agarráballe un brazo, L.G. penetrábaa vaxinalmente. A Fiscalía entende que a moza se negou reiteradamente e non colaborou a baixarse a roupa mentres lle dicía "yo soy de N.", a súa parella naquel momento. Para o Ministerio Fiscal, "non foi invención" xa que a agredida viuse moi afectada e, segundo as diferentes testemuñas, cambiou a súa forma de ser e presentaba problemas para verbalizar, conciliar o soño e sufría, ademais, pesadelos.
A avogada da acusación criticou o estilo mantido polos letrados da defensa durante o xuízo porque "parece un proceso contra a vítima"
Pola súa banda, os avogados de cada un dos acusados teñen outra versión das declaracións da vítima.
A avogada de L.G., que naquelas datas tiña unha perna escaiolada, indicaba que era imposible que sucedese como ela describe e referiuse aos cambios que se foron rexistrando desde a súa primeira declaración ante a Policía Nacional de Vilagarcía ata a súa comparecencia na sala da Audiencia Provincial. Nas súas conclusións expoñía as incongruencias entre o que relatara e as mensaxes e chamadas realizadas a través do seu teléfono durante aquela madrugada do 19 de marzo cando se produciron os feitos.
A avogada entende que si existe un móbil "espúreo" por parte da vítima ao sentirse rexeitada polo acusado con quen, segundo a letrada, mantivera unha relación sexual consentida durante esa noite en casa do outro acusado, P.B. e ante a súa presenza no mesmo cuarto.
O avogado de P.B. tamén coincidiu en que hai lagoas e contradicións na declaración da denunciante. Neste sentido afirmou que na vista oral había quedado claro que entre a vítima e o principal acusado había unha relación especial, que ela regresara voluntariamente ao piso onde horas antes celebraran unha festa e que mantivo unha relación sexual con L.G. Para este letrado no xuízo, non se probou a existencia de dano físico que probase a agresión nin se rexistraron ameazas nin limitación da acción da denunciante indicando que se marchou da vivenda cando ela quixo.
A avogada da acusación criticou o estilo mantido polos letrados da defensa durante o xuízo porque "parece un proceso contra a vítima" ao poñer en dúbida as súas declaracións e cuestionar a súa honestidade, as súas relacións de parella ou os seus hábitos sexuais.
"Isto parécenos inaceptable", indicou a avogada ante o tribunal. Cualificou de absurdo o argumento de L.G. sinalando que os motivos da acusación se debían a que se negou a manter unha relación no tempo. Considera que levou a cabo un delito continuado de violación por parte dos dous acusados xa que a moza non puido actuar como ela quería.
Relacionadas:
-
Absoltos os dous acusados de violar unha moza en Vilagarcía despois dun "botellón"
Por Redacción |
-
Fiscalía rebaixa a petición de pena para un dos dous acusados de agredir sexualmente unha moza en Vilagarcía
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Piden catorce anos de cárcere para dous mozos acusados de violar unha amiga en Vilagarcía
Por Redacción |