En Marea reivindica en Pontevedra ser un partido "sen tutelas nin ataduras" con Madrid
Unha candidatura que promete "traballo e coherencia" para impulsar o tecido socioeconómico da provincia, acabar coa precariedade laboral, mellorar a calidade de vida dos cidadáns e, no caso concreto de Pontevedra, abrir unha "nova etapa" cunha ría "máis limpa, ecolóxica e libre de Ence".
Así se presentou a candidatura que En Marea presentará ao Congreso e ao Senado pola provincia de Pontevedra, nun acto público que se celebrou no palco da Alameda.
A presentación estivo apadriñada polo portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, que centrou a súa intervención en asegurar que os deputados que logre o seu partido no Congreso tras as eleccións xerais do 28 de abril traballarán para conseguir un traspaso de competencias a Galicia similar ao recentemente aprobado para o País Vasco.
Lamentou que durante a década "ominosa" na que o PP, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, leva gobernando Galicia o nivel de "autogoberno" da comunidade sumara "cero competencias". Por iso, reivindicou a necesidade de acabar con ese "maltrato" a Galicia que se evidenciou "claramente" coa negativa para transferir a autoestrada AP-9.
A cabeza de lista ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, destacou pola súa banda a "profunda precariedade" que caracteriza ao mercado laboral e a "grave destrución de emprego" que se rexistra no tecido industrial da provincia, buscando ao mesmo tempo "cambios sociais" cos que "poñer o foco" na defensa dos intereses dos galegos.
Xunto a eles interveu tamén a candidata número 3 ao Congreso, Carmen González "Peque" que, máis en clave local, presentou a En Marea como un partido "sen tutelas nin ataduras a Madrid" que apostará por sacar a Ence da ría, defender os intereses dos traballadores do mar ou protexer ás parroquias de "barbaridades ambientais" como a A-57.
Silvia Díaz, candidata ao Senado, encomiou o espírito participativo dunha candidatura que propón levar ás institucións do Estado a voz de todos os galegos e poñer as súas necesidades "en primeiro lugar" e defender os avances sociais xa conquistados para alcanzar unha sociedade "máis integradora, solidaria, ecoloxista e xusta".