A Fiscalía pide cinco anos de prisión para un home acusado de abusar de dúas nenas na comarca do Salnés
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a un veciño da comarca do Salnés acusado de abusar sexualmente de dous menores, unha na súa casa e outra nun bar.
A Fiscalía pide que sexa condenado a cinco anos de cárcere e interesa a imposición da medida de internamento para tratamento médico ou educación especial nun establecemento adecuado durante un máximo de cinco anos, pois sostén que reúne "características concordantes con atraso mental leve", o cal lle causa unha "afectación moderada"das súas capacidades intelectivas e volitivas en relación a estes feitos.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado convivía coa súa irmá nun domicilio ao que a primeira das súas vítimas acudía en compañía dos seus pais en moitas ocasións. Mentres o seu pai e outros familiares atopábanse no exterior facendo traballos na leira, a menor permanecía dentro do domicilio en compañía do acusado. En numerosas ocasións durante dous anos, a partir do ano 2015 e ata agosto de 2017, aproveitaba para quedar a soas no interior da vivenda coa nena e realizarlle tocamentos por dentro da roupa.
O acusado tentábaa bicar na boca, ao que a menor, incómoda, rehuía. Despois, facíalle pequenos agasallos como chucherías, pulseiras ou gomas do pelo.
A segunda vítima foi, segundo o fiscal, unha nena de cinco anos da que abusou o 4 de setembro de 2017, sobre as 20:00 horas, cando se achaba nas inmediacións dun bar. A nena estaba a xogar á beira do bar mentres o seu pai tomaba unha consumición e o acusado, aproveitando que a menor estaba soa nese momento, escondeuna entre un coche e unha moto estacionados e realizoulle tocamentos. A menor, asustada, entrou ao bar para contarlle ao seu pai o sucedido.
O fiscal considera que é autor de dous delitos de abuso sexual a menores, un deles cometido de forma continuada e mantén que debe impoñérselle unha pena de prohibición de aproximarse a unha distancia de 500 metros da vítima e de comunicarse con ela por calquera medio, durante tres anos máis da pena de prisión, así como a medida de liberdade vixiada durante un ano e medio.
Para protexer a identidade da vítima, o xuízo celebrarase previsiblemente a porta pechada o vindeiro xoves 11 de abril na Sección Segunda da Audiencia.