Focus Galicia, o programa de intelixencia artificial para detectar hepatite C e VIH
Por Olaya Madrigal
O VIH e a hepatite C son dúas enfermidades silenciosas das que, en moitas ocasións, os seus portadores non son conscientes ata moi avanzado o seu estado, cando poden desencadear noutra afección peor. A pesar destas características, hoxe en día ámbalas dúas son moi tratables.
A finalidade de Focus Galicia, un programa asistencial do Servizo Galego de Saúde, é precisamente incrementar o número de diagnósticos a través de ferramentas de intelixencia artificial e facilitarlles aos pacientes un tratamento coa maior brevedade posible.
Foi presentado polos representantes dos distintos órganos sanitarios da cidade este venres e espérase que se poña en marcha na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés no próximo ano. O sistema é innovador no emprego de intelixencia artificial para a identificación, tratamento e avaliación de persoas afectadas por estas doenzas.
Baséase nun programa que actúa sobre a historia clínica electrónica, advertindo ao doutor que está prestando consulta en tempo real daqueles casos en que por criterio de idade e por falta dunha analítica previa, sexa preciso estudar.
Por rango de idade, o sistema sinala a persoas de entre 20 e 60 anos sexualmente activas no caso do VIH, e entre 20 e 70 no caso da hepatite C, que nos últimos anos non realizasen ningunha análise, polo que o doutor solicitará as probas inmediatamente.
Ademais, incorpora a implantación dunha vía clínica de seguimento para aqueles casos en que os resultados foron positivos, ofrecendo unha vía de tratamento e seguimento rápida.
Os seus anunciantes estiman que a aplicación deste programa servirá para diagnosticar no seu primeiro ano a 212 casos de hepatite C e 54 de VIH. No caso da hepatite C, dende a aprobación do Plan Estratéxico Nacional para o seu tratamento fai catro anos, diagnosticáronse en Pontevedra máis de 850 pacientes, dos que se curaron máis do 98%.
A detección do VIH, por outra banda, aínda que non permite eliminar o virus, facilita o seu control e evita o contaxio entre a poboación.
Relacionadas:
-
A atención á hepatite C na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é "a mellor na súa clase"
Por María José Pita |
-
RADIO.- Cara a cara: Que vai pasar a partir de agora co teu móbil Huawei?
Por Marisa Ciordia |
-
"Contra o cancro de colon, séntate", a campaña da AECC que ensina a realizar no inodoro o test de prevención da enfermidade
Por Olaya Madrigal & Mónica Patxot |