Fish and Chips con sabor a Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A vangarda e a innovación gastronómica déronse cita este venres na praza de abastos de Pontevedra da man do programa da Deputación Provincial de Pontevedra 'Degusta Europa', no que a cidadanía que así o desexou e o propio persoal que traballa no mercado puido probar propostas inspiradas en pratos típicos doutros países europeos elaboradas con produto galego.
Un 'cucurucho de peixiños' servido no primeiro andar da praza de abastos converteuse no mellor exemplo do espírito do programa. Inspirado na tradicional comida británica de Fish and Chips, o alumnado e o profesorado do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza elaboraron un prato a base de patacas, xoubiñas e unha salsa de mahonesa, curry e comino.
Este foi tan só un dos pratos que, con sabor a Galicia, serviu o alumnado do centro profesional. Sobre as mesas habilitadas no espazo liberado no centro do primeiro andar tamén se puido degustar unha crema de caldo de cocido con lacón e chourizo de Lalín servido nunha exquisita presentación de caña de bambú; un petisco a base de crema de marisco e queixo; e pastas albariñas con chocolate de Sobroso. Para maridar con todo, tres propostas de bebida a base de albariño con té verde, sidra con aperol e sidra con melocotón.
Os profesores Paco Moreno e Carlos Pérez, que acompañaron ao alumnado de Cociña do Carlos Oroza para a ocasión ata a praza de abastos, explicaron que se trata de elaboracións propias que se basearon na premisa de que foran sempre produtos do país para que o resultado fora "galego 100". Ese é, precisamente, o obxectivo de Degusta Europa, revalorizar a gastronomía e impulsar os mercados provinciais e a materia prima da provincia de Pontevedra ao tempo que se impulsa o proxecto europeísta.
O programa Degusta Europa, que esta semana organizou degustacións culinarias nos mercados de Bueu, O Grove e Pontevedra e no propio Carlos Oroza, naceu en 2016 con motivo do Día de Europa. Este venres, na última cita desta edición, contou coa presenza da presidenta provincial, Carmela Silva; a concelleira de Promoción Económica de Pontevedra, Anabel Gulías; e o director do Carlos Oroza, Manuel Hermo.
O responsable do centro formativo explicou que o alumnado e o profesorado traballaron durante un mes co obxectivo de "co produto local, facer elaboracións da gastronomía europea" e que este proxecto deulles pé a poder dar clase con contidos locais e ter tamén contido europeísta e dar visibilidade ao centro mentres que Anabel Gulías incidiu na importancia deste tipo de iniciativas nun mercado "renovado e acompasado cos novos tempos" no que o Concello de Pontevedra investiu recursos e forzas "para convertelo nun polo de atracción".
Carmela Silva destacou que con Degusta Europa a Deputación pretende "poñer en valor a enogastronomía da nosa provincia tanto o produto da terra e o mar como todo o que ten que ver cos nosos viños" e tamén "poñer en valor a potencia non só da enogastronomía senón da excelencia do produto, que fai que sexamos unha referencia mundial". Un terceiro obxectivo do proxecto é "amosar o altísimo nivel formativo da provincia, que neste caso o demostra o Carlos Oroza". A formación "é imprescindible para que poidamos dar un servizo de excelencia no turismo".