Un taxista frustra o roubo da caixa rexistradora dun comercio ao correr detrás do ladrón
Por Natalia Puga & Anxo Lourido
A rápida intervención de José Antonio Álvarez frustrou na tarde deste venres o roubo da caixa rexistradora dun comercio de mascotas da praza de Barcelos de Pontevedra. O home, taxista de profesión, saíu correndo tras o ladrón e conseguiu darlle alcance e recuperar o obxecto roubado, aínda que finalmente a el non logrou retelo.
Todo ocorreu entre as 19.00 e as 19.30 horas deste venres. Segundo relatou o propio José Antonio a PontevedraViva, estaba a pechar un servizo na praza de Barcelos cando viu saír á propietaria do comercio gritando "que me roban, que me roban".
O taxista non o pensou dúas veces, pediu á muller que quedase ao coidado do taxi e saíu correndo. Puido ver a un home no medio da praza coa caixa rexistradora na man e foi tras el, ata conseguir darlle alcance xa na rúa Rouco.
Ao ver que lle estaba pisando os talóns, o propio ladrón acabou soltando a caixa rexistradora e puido recuperala. Xa non conseguiu dar alcance ao delincuente, que se escapou correndo, pero si quedou con detalles sobre a súa descrición física que achegou á Policía Nacional.
Mentres José Antonio perseguía ao ladrón, a responsable do comercio alertou á Policía Nacional e unha patrulla presentouse de inmediato no lugar e entrevistouse coa vítima e co responsable de frustrar o roubo. Agora, grazas aos datos facilitados, abrirán unha investigación para dar co seu paradoiro.
José Antonio, ex axente da Garda Civil, explica que se trata dun home duns 40 anos, vestido cunha gabardina azul e cun look que lle lembrou ao personaxe de Mortadelo. Trátase, segundo se puido saber, dun vello coñecido da Policía Nacional.
O ladrón entrara na tenda aproveitando un descoido da súa responsable, que estaba no interior facendo outras tarefas. Cortou o cable da caixa rexistradora e, ao non ter tempo para abrila e baleirala, levouna colgando. Nese momento, foi sorprendido e a muller saíu tras el, atopándose co taxista, ao que coñecía previamente.