O PSOE recolle as demandas do Consorcio de Comercio do Salnés
Por Redacción
Cambados acolleu esta semana unha reunión entre os representantes do Consorcio de Comercio do Salnés, con Juan Rey á fronte, con representantes socialistas dos distintos concellos da comarca.
Na xuntanza abordáronse as distintas problemáticas que afectan ó sector do pequeno comercio, entre as que destacaron a necesidade de modificar e retornar á anterior situación o artigo 25 do Real Decreto Lei 20/2012, que regula as tempadas de rebaixas, aprobado polo anterior goberno popular, e que os alí presentes xulgaron como moi prexudicial para o comercio local.
Na reunión tamén se trataron outros asuntos relevantes como a esixencia dun maior control sobre o fraude, especialmente nas ventas por internet e nos mercadiños locais, que poden derivar en competencia desleal para os empresarios, na súa maioría autónomos.
O parlamentario José Manuel Pérez, que é portavoz de comercio do grupo socialista na cámara galega, puxo de manifesto a creación por parte do goberno do Observatorio do Comercio 4.0, no cal estarán representados todos os axentes do sector, e onde se velará polo cumprimento da legalidade, ademais de ser un lugar de valoración e debate sobre as iniciativas que se executen.
Os comerciantes e os representantes políticos acordaron poñer en marcha campañas de concienciación sobre a importancia do pequeno comercio, e promocionalo en todos os ámbitos sociais.
Dende o PSdG-PSOE de Cambados valoran moi positivamente este encontro e se comprometeron a asumir estas demandas como propias.