Apoio do PP a Telmo Martín, "o mellor alcalde que pode ter Sanxenxo"
Por Redacción
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, presentou este sábado ao candidato á Alcaldía de Sanxenxo, Telmo Martín, a quen destacou como "a persoa axeitada e a mellor garantía" para seguir impulsando o modelo de éxito que se desenvolve neste concello.
Rueda puxo en valor a gran capacidade de traballo e a xestión "seria e eficaz" de Martín, cun "proxecto ilusionante e integrador" para todos os veciños dunha localidade que é "moi importante" para os populares.
Nesta liña reivindicou a "unidade" do Partido Popular "fronte os líos internos doutras formacións", lembrando que o PP xa ten a todos os candidatos da provincia presentados e foi o primeiro en poñerse a traballar. "Outros aínda están buscando como encher ás listas", dixo. "Contamos coas mellores mulleres e homes para defender todos os concellos da nosa provincia, un equipo gañador".
Así as cousas confiou en obter un gran resultado tanto nas eleccións municipais como nas xerais que terán lugar o 28 de abril. Para iso o PP conta cunhas listas ao Congreso e o Senado que aúnan experiencia e renovación, con candidatos de primeiro nivel como a número un da lista á Cámara Baixa, Ana Pastor. "É un luxo poder contar con ela", finalizou.