Aqueles Mercedes clásicos, símbolo dun estatus social, exhíbense en Ponte Caldelas
Por Redacción
23 vehículos participaban este domingo na XIII Concentración de Mercedes clásicos que organiza o W123 Club España. Nesta ocasión, ao mesmo tempo que os turismos que se deron cita en Ponte Caldelas, simultaneamente celebrábanse outras concentracións en Cudillero (Asturias, Cerdanya (Lleida), Navacerrada (Madrid), Ayamonte (Huelva) e Cabo de Palos (Murcia).
Malia a chuvia, a organización considera que foi un éxito esta convocatoria. O Club W123 España logrou a presenza das catro carrocerías existentes no mercado. Desta forma, as persoas que se achegaron ata a Alameda de Ponte Caldelas nesta xornada chuviosa puideron ver a limusina, o coupé, a berlina e o modelo familiar. Todos eles viñan de diferentes puntos de Galicia.
Nesta ocasión, os vehículos citados correspondíanse coa Clase E de Mercedes, que se fabricou entre os anos 1976 e 1985. Trátase dun coche que se denomina como W123, pero que en Galicia adoptou o nome de Mercedes 300D.
Este tipo de vehículo contou con moita presenza na comunidade galega debido a que moitos emigrantes que fixeron fortuna no estranxeiro decidían mercalo porque representaba o logro dun estatus social. Os coches presentado en Ponte Caldelas se atopaban en moi bo estado tanto de motor como de carrocería. Os propietarios celebraron o encontro cunha comida de confraternidade.
Relacionadas:
-
Os afeccionados aos vehículos clásicos teñen unha cita este sábado en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
A concentración de Ponte Caldelas supera as previsións e reúne oitenta coches clásicos
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas volve atraer á caravana de vehículos clásicos
Por Redacción |
-
Homenaxe aos Mercedes Clásicos en Ponte Caldelas
Por Redacción |