Médico Ballina terá o seu parque infantil antes de que remate este ano
Por Alejandro Espiño
Acabouse a espera. O Concello completou por fin a tramitación administrativa do proxecto para dotar á zona de Médico Ballina do seu ansiado parque infantil. As empresas interesadas en executar esta actuación, que acaba de saír a contratación, terán vinte días de prazo para presentar as súas ofertas.
O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, explicou que este parque infantil custará 175.000 euros. As obras terán que estar completadas nuns tres meses, polo que salvo que se produza algún tipo de inconveniente, o parque poderá estar dispoñible antes de que termine este ano 2019.
O Concello confía en que este proxecto estea executado antes do próximo mes de xuño, polo que será un dos investimentos que se realizarán nos primeiros meses do próximo mandato.
O parque ocupará integramente a parcela cedida por ADIF sobre a vía do tren, de case 2.700 metros cadrados. Constará de dúas zonas: unha situada na entrada ao parque que estará destinada á estancia dos acompañantes dos nenos e unha traseira na que se instalarían os xogos infantís.
Terá como mínimo unha tirolesa, varias randeeiras, tobogáns, áreas de xogo inclusivo ou elementos con arnés, hamacas e cestas. Toda a zona contará cun valo metálico, céspede artificial e un pavimento amortiguador adaptado a este tipo de áreas infantís.
Os traballos de construción incluirán previamente unha actuación para retirar a capa vexetal e achegar un chan de xabre.
Relacionadas:
-
O parque de Médico Ballina empezará a construírse en agosto
Por Redacción |
-
Nove empresas están interesadas en construír o parque infantil de Médico Ballina
Por Redacción |
-
Queixas veciñais pola falta de iluminación na rúa Médico Ballina
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O PP propón un 'plan de choque' para atender os parques infantís de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O parque de Médico Ballina, "na parrilla de saída": prevén comezar as obras a finais de ano
Por Alejandro Espiño |