Montecelo abre as portas a estudantes de Medicina, Enfermaría, Farmacia e Psicoloxía
Por Redacción
O Hospital Montecelo acolleu este martes a primeira xornada de portas abertas para futuros residentes celebrada e organizada no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP). Ao evento asistiron máis de medio centenar de estudantes de Medicina, Enfermaría, Farmacia e Psicoloxía procedentes de toda España, unha cifra que a Comisión de Docencia valorou coma un auténtico éxito de participación, posto que esta é a primeira vez que se levaba a cabo este tipo de xornada.
O xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, inaugurou a reunión cun repaso da situación actual dos centros que integran a área sanitaria e o titor de Atención de Medicina Familiar e Comunitaria, o doutor Álvaro Rodríguez Pomares, esgrimiu os seus argumentos persoais e profesionais para que os estudantes se decanten por escoller Atención Primaria en Pontevedra e O Salnés, sinalando que é a base do sistema sanitario público galego e que destes profesionais depende o bo funcionamento do mesmo.
Pola súa parte, o presidente da Comisión de Docencia e titor de Atención Hospitalaria, o doutor Ismael Arán, incidiu na gran capacidade do CHOP para dedicar tempo aos residentes no tocante á formación cirúrxica, posto que "as baixas listas de espera que temos e o feito de ser un complexo hospitalario de nivel medio, concédenos a vantaxe de que os profesionais poidamos prestar máis atención aos residentes para que poidan realizar o maior número de intervencións posibles, algo que non acontece en todos os hospitais", destacou.
Entre as especialidades máis demandadas polos estudantes que esta mañá visitaron o Hospital Montecelo atopábanse as de Anestesioloxía, Cirurxía Xeral, Dermatoloxía Dixestivo, Pediatría e Medicina Familiar e Comunitaria.
Logo da presentación dos centros, os estudantes puideron coñecer de primeira man os servizos nos que estaban interesados guiados por representantes dos residentes das distintas especialidades, posto que o obxectivo principal de esta iniciativa era o intercambio de experiencias entre os residentes que actualmente traballan na área sanitaria cos estudantes.
En 2017, a Unidade de Docencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra resultou finalista na candidatura ao mellor hospital de formación MIR e na actualidade, un total de 140 residentes realizan a súa formación rotando polas diferentes especialidades nos centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, dos cales 80 se dedican á atención hospitalaria e 60 á atención de Medicina Familiar e Comunitaria.