A música une a universitarios e usuarios de Xuntos Down nunha experiencia de aprendizaxe
Por Redacción
Oito usuarios da etapa educativa da asociación Xuntos Down Pontevedra estanse a iniciar na música acompañados por outros tantos estudantes do grao en Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Tocar instrumentos de percusión, a realización de ritmos corporais, exercicios de respiración, vocalización, entoación e canto e un primeiro achegamento aos elementos básicos da linguaxe musical, centran boa parte dos contidos que integran este curso articulado en oito sesións.
A profesora de música Marlene Armentero é a responsable de impartir este taller que se desenvolve no campus desde o mes de febreiro.
Coa música como fío condutor, esta actividade busca traballar "de forma transversal a memoria, a atención, a percepción e a comunicación a través de diferentes estratexias", explica Leticia Fernández, de Xuntos Down.
Nese senso, Fernández pon de relevo como nun taller que este venres celebra a súa última xornada, persoas "que non teñen estudos musicais sexan capaces de interiorizar tan ben os coñecementos impartidos", así como o feito de "como conseguen comunicarse e expresarse con tanta facilidade" valéndose da música.