"Eu agora mesmo na xustiza non creo", asegura tras perder a batalla xudicial por un accidente que lle deixou secuelas
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Van cumprirse cinco anos do accidente que lle cambiou a vida a Alba Sobral, veciña da Lama, cando acudía ao seu posto de traballo no centro penal. Perdeu o control do seu coche e impactou contra unha varanda que se incrustou no vehículo e produciulle lesións moi graves en ambas as pernas.
"Estiven tres anos en cadeira de rodas, agora teño que camiñar cunha muleta porque a perna esquerda fállame, rompinme todos os ligamentos, tibia e peroné e a dereita estiveron a punto de amputala, tamén rompín tibia e peroné", relata Alba na actualidade despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o seu último recurso sobre a demanda interposta contra o Concello da Lama, titular da vía.
"Pido que me indemnicen porque o valo estaba mal colocado", defende, xa que se estivese fixada ao chan "non tería atravesado o coche".
Esta veciña da Lama arrastra graves secuelas deste accidente e unha incapacidade permanente, pola que cobra unha pensión de 600 euros.
"Eu agora mesmo na xustiza non creo. Veste coas pernas así, cunha pensión de só 600 euros. Eu con 600 euros ao mes non vou poder adecuar a miña casa a esta situación", explica sinalando á súa vez que o atestado da Garda Civil no que se basea a sentenza do Supremo "non é coherente". Este atestado insinúa que a "velocidade inadecuada" está detrás do suceso, algo ao que se opón rotundamente Alba Sobral asegurando que o pavimento estaba esvaradío e que iso provocou a saída de vía doutros vehículos: "Se ía a exceso de velocidade que me multen. Non teñen como demostralo porque non había nin freada".
Con todo, salienta, o importante é que "eu agora quédome cunhas secuelas, con incapacidade e cunha pensión de merda con 32 anos".
Por último Alba quéixase da actitude do Concello da Lama, que "nestes anos nin sequera púxose en contacto comigo para ver como estaba", asegura.