A Mesa, xunto a outras sete organizacións de todo o Estado, asinan un manifesto a prol da pluralidade lingüística
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Mesa pola Normalización Lingüística ven de presentar o "Manifesto a prol da pluralidade lingüística: liberdade, igualdade, democracia", asinado xunto ás organizacións Kontseilua (Euskal Herria), Omnium Cultural, Ciemen e Plataforma per la Llengua (Cataluña), Acción Cultural del País Valenciá, Nogará (Aragón) e Iniciativa pel Asturianu.
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Pontevedra, o presidente da Mesa Marcos Maceira e a vicepresidenta Elsa Quintas defenderon que "o dereito dos pobos e das persoas a empregaren a súa lingua é un dereito humano", no convencemento de que "o dereito de uso pleno é garantía de democracia, de liberdade e de progreso".
Todos estas organizacións asinantes do manifesto aseguran que "a diversidade lingüística, o seu recoñecemento e o seu exercicio, non son un capricho" senón que "son necesidade para vivir con dignidade colectiva nunha sociedade plural, democrática e xusta, que non admita o odio. Contra ninguén. Tampouco por motivos de lingua".
Segundo os datos ofrecidos polos responsables da Mesa no Estado español o 45% dos seus cidadáns viven en territorios con lingua propia diferente do castelán. Millóns de persoas que deberían poder falar esas outras línguas "con toda normalidade, con toda liberdade, en igualdade de condicións, nas mesmas que calquera cidadán en español, o que actualmente non é posible".
Marcos Maceira sostén que o Estado español parte dunha "tradición monolingüe" na administración central, e debe xerar "políticas activas que permitan o exercicio efectivo dos dereitos lingüísticos".
Por todo isto, estas organizacións emprazan a todos os partidos políticos a asumiren que as linguas propias distintas do castelán deben gozar dos mesmos dereitos e deberes que se recoñecen ao castelán. Entre estes dereitos, atópase en primeiro lugar o "deber de coñecemento".
Instan ao Estado a seguir o exemplo das sociedades plurilingües "máis avanzadas" como Bélxica, Suíza ou Canadá e funcionar nas diferentes linguas independentemente da súa situación física. E nomearon o caso das Cortes Xerais, os Tribunais Constitucional, Supremo e a Audiencia Nacional ou organismos como a Axencia Tributaria ou a Seguridade Social.
Demandan reformas estatutarias para a oficialidade das linguas propias que aínda non son oficiais nunha parte ou na totalidade do territorio onde se falan.
Ademáis, segundo citou Elsa Quintas, reclaman que se estendan deberes e dereitos "dos que até agora só se beneficiou o castelán", como son a capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, "incluída a de xustiza", o seu uso xeralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán. Así piden que se poña fin á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, "que afecta de maneira frontal ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe".
Finalmente, insistiron en que "os poderes do Estado non deben de ser nunca arietes contra a promoción das línguas do estado" nin as divisións administrativas, dentro ou fóra do seu territorio, "escusas para limitar os dereitos lingüísticos".