Marea Pontevedra incorpora a súa axenda política as demandas de AFAPO
Por Redacción
O voceiro e candidato de Marea Pontevedra, Luís Rei, e as tamén candidatas, Herminia Dios e César Maquieira, mantiveron un encontro co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (AFAPO), José Manuel Fontenla, incorporando as súas demandas a súa axenda política.
AFAPO xestiona desde o ano 2012 o Centro de Día Alzheimer Pontevedra, que pertence á rede pública da Xunta de Galicia. Nos municipios de Marín, Poio, e Pontevedra unhas 6.000 persoas sofren demencia e unicamente hai unha oferta pública de 600 prazas o que provoca que a carga dos coidados caía nas familias, "dificultando a vida especialmente das mulleres e impedindo a creación de postos de traballo relacionados cos coidados", sinala Luis Rei.
Marea Pontevedra asume como "unha prioridade de acción de goberno" as políticas sociais inclusivas e a mellora na calidade de vida das persoas. Luis Rei afirma que é preciso poñer en marcha programas específicos de prevención da enfermidade do alzheimer e doutras demencias, en concreto programas de envellecemento activo para persoas sas, "e así evitar na medida posible e tamén retrasar o avance destas enfermidades", nun concello que, segundo datos do IGE, ten mais de 19.000 persoas maiores de 65 anos.
Marea Pontevedra critica a falta de prazas públicas para atender a estas persoas. "Aínda sen ser competencia propia, o Concello como administración pública está obrigado a poñer os recursos públicos ao servizo das persoas máis vulnerables", aseguran dende esta formación.
Relacionadas:
-
Marea comprométese a facer unha Pontevedra máis inclusiva
Por Oskar Viéitez |
-
Marea denuncia que o Concello "asfixia" o deporte local mentres serve unha "gran mariscada" aos de fóra
Por Alejandro Espiño |
-
Marea Pontevedra confía nunha maioría que lle permita acadar a alcaldía para renovar a política local
Por Redacción |