Ramallo prohibirá o acceso dos coches á barriada de Mogor dende as praias
Por Oskar Viéitez
Ao longo dos últimos días a alcaldesa de Marín, María Ramallo e varios concelleiros do grupo de goberno, están a manter reunións con diferentes colectivos veciñais. É o caso da asociación de veciños Alborada, da zona de Souto do Carragal e a Asociación Pérez Crespo, de Mogor.
Estes representantes veciñais aproveitaron o encontro para trasladar as súas demandas.
No caso de Mogor están preocupados polo intenso tráfico que durante o verán sofren na barriada, polo que solicitaron a instalación de lombos. A alcaldesa comprometeuse a que na época estival tramitaríase a prohibición cara á subida á Barriada desde o viario de praias, excepto residentes e servizos, do mesmo xeito que se fai con outros accesos de Aguete.
Tamén reclamaron máis presenza policial para evitar o botellón, a ampliación dos elementos de xogo do parque infantil e soterrar o cableado da iluminación pública e telefónica, entre outras melloras.
Pola súa banda os membros da Asociación Alborada solicitaron a ampliación da estrada que comunica a zona da Laxe con Souto do Carragal.
Ademais reclamaron o amaño da Canteira da Laxe, o remate do muro de contención que sostén a pista que comunica o barrio, a reposición de postes de luz en Arealonga e subida ao Pituco, a instalación dun firme adaptado no parque infantil de Souto do Carragal, a recollida de augas pluviais en Pitanxo, e a instalación de puntos de iluminación pública na pista que vai de Viñas Brancas ao Outeiro.