Sorprenden ebrio e drogado un home que circulaba por Sanxenxo cun vehículo de mobilidade persoal
Por Redacción
Triplicaba a taxa máxima permitida de alcol e, ademais, tamén conducía baixo os efectos das drogas. Así sorprenderon os axentes da Garda Civil un home que circulaba polo centro de Sanxenxo nun vehículo de mobilidade persoal que superaba as características técnicas permitidas.
O suceso produciuse a finais do pasado mes de marzo. A Garda Civil sorprendeu a esta persoa cando circulaba de noite, en zig-zag e sen iluminación pola travesía da estrada PO-308, ao seu paso polo núcleo urbano do municipio.
Os síntomas que presentaba de conducir baixo os efectos do alcol confirmáronse tecnicamente coa proba de alcoholemia que arroxou unha elevada taxa de 0,89 ml/g.
Do mesmo xeito, os resultados das probas obtidas a través do test salival determinaron que tamén conducía baixo os efectos das drogas, en concreto cannabis e cocaína.
O condutor insistía en que pilotaba un vehículo de mobilidade persoal alleo, segundo o seu criterio, ás normas de circulación. Con todo, a Garda Civil constatou que superaba as características técnicas para ser considerado como tal e que outros modelos similares ao seu foran incluso matriculados como ciclomotores.
Ademais de denuncialo por un delito contra a seguridade viaria, os axentes procederon a inmobilizar o vehículo e foi denunciado por vía administrativa por conducir carecendo do correspondente permiso e facelo de modo neglixente.
A Garda Civil lembra que os condutores dos vehículos de mobilidade persoal están sometidos ás normas xerais de condución e, particularmente, á prohibición do consumo de drogas e bebidas alcohólicas por encima dos límites máximos permitidos.
Relacionadas:
-
Sorprenden dúas veces en apenas dúas horas a un condutor ebrio entre Poio e Vilaboa
Por Redacción |
-
Tráfico sorprende un condutor ebrio e drogado circulando a velocidade excesiva no Campiño
Por Redacción |
-
Provoca un accidente en Sanxenxo estando ebrio, drogado e co permiso de conducir retirado
Por Oskar Viéitez |