A 15 días da súa celebración, a Pontevedrada xa conta con 1.100 inscricións
Por Mónica Patxot & Olaya Madrigal
A Pontevedrada celebra o 27 de abril a súa novena edición, xuntando cada ano a máis persoas para reivindicar a importancia da doazón de órganos, sangue e tecidos para salvar e mellorar vidas.
A pouco máis de dúas semanas da saída da marcha solidaria, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, reuníronse con dous representantes da ASAMPO (Asociación de Amigos da Pontevedrada) para compartir todos os detalles relativos á edición máis problemática en cuestión organizativa ata agora, ao coincidir cas probas do Tríatlon e as Eleccións do 28 de abril.
A camiñata porase en marcha o sábado 27 ás 20:00 horas. O traxecto, que adoitaba ter o seu punto de saída na Praza da Ferrería, tivo que ser modificado a causa das obras na Ponte do Burgo. A nova ruta comezará na Praza de España, continuará pola Rúa Arcebispo Malvar, cruzará a Ponte das Correntes e a Xunqueira de Alba e percorrerá despois o restante dos 63 quilómetros do Camiño de Santiago Portugués que separan a Pontevedra da Praza do Obradoiro da capital galega. Segundo comenta o alcalde, a nova ruta resulta máis atractiva dende o punto de vista das camiñatas, ao percorrer un circuíto máis natural, polo que é posible que se adopte en futuras edicións.
Aqueles que o desexen, poden inscribirse antes do 23 de abril ás 22:00 horas en pontevedrada@gmail.com, a través do número 602526978 ou da páxina web da ASAMPO cunha aportación solidaria de 5 euros.
Os dorsais xa están á disposición dos participantes na Casa Azul, de 19:00 a 21:00 horas. Os organizadores agradecen que se recollan con antelación, para desconxestionar o día da celebración.
En canto á asistencia, varios autobuses cubrirán o traxecto para que aqueles que o precisen poidan tomar folgos. Así mesmo, haberá durante o percorrido varias paradas de descanso.
A pesar dos contratempos na organización da actividade, as inscripcións rexistradas, a máis de dúas semanas da súa celebración, roldan as 1.100 e é posible que se aproximen ás 2.000 nos días previos a súa partida, segundo informaba Francisco Pérez, membro da ASAMPO.
En palabras de Miguel Anxo Fernández Lores, "a Pontevedrada cada vez é máis numerosa, o que fala moi ben da organización e da solidariedade dos pontevedreses".
Relacionadas:
-
Unha 'marea vermella' de solidariedade une Pontevedra e Santiago pola doazón de órganos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Máis de 1.400 marchosos solidarios participarán na Pontevedrada 2019
Por Redacción |
-
A novena edición da Pontevedrada xa ten data: o sábado 27 de abril
Por Redacción |
-
1.500 persoas súmanse á marcha nocturna e solidaria da Pontevedrada 2018
Por Mónica Patxot & Redacción |