O último plan de emprego de Caldas, Cuntis, Barro e Portas conclúe con 28 novos traballadores
Por Redacción
O programa de inserción laboral 'Máis Emprego III', promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria nos concellos de Cuntis, Caldas, Barro e Portas, favoreceu a entrada no mercado laboral de 28 persoas, segundo a información facilitada polo Concello de Cuntis.
Este venres entregaranse na biblioteca Roberto Branco Torres de Cuntis os diplomas ás 200 persoas que se formaron nos catro municipios durante o último ano e, con motivo do acto, o Concello deu a coñecer estas 28 novas altas á Seguridade Social.
No acto entregaranse os diplomas acreditativos de superar os cinco cursos impartidos nos concellos adscritos ao plan. En Cuntis, Barro e Portas impartiuse o curso de operador de carretilla elevadora, unha formación de 24 horas na que participaron un total de 60 persoas. En Caldas formaron a 60 novos manipuladores de alimentos, mentres que en Portas terminaron o curso de ofimática, introdución a Internet e prevención de riscos laborais (este último tamén se impartiu en Barro) un total de 80 individuos.
Ademais, baixo o paraugas do mesmo programa de emprego, arrincará durante este mes de abril un curso de soldadura. O título, de 20 horas de duración, constará de dúas edicións con 15 prazas cada unha. Trátase dunha formación que inclúe prácticas en empresas.