As obras humanización da zona de A Chan estarán listas para o verán
Por Redacción
As obras de humanización do núcleo da Chan, onde está a sede da capital do Concello de Cerdedo-Cotobade, empezarán xusto despois das festas de Semana Santa, poñendo fin a un longo proceso administrativo no que mesmo foi necesario realizar unha modificación urbanística.
En principio, está previsto que a humanización estea lista para este verán e, por mor dos inminentes traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, solicitou colaboración e prudencia aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios.
A información deuna a coñecer este xoves o Concello despois dun encontro organizativo entre Jorge Cubela e os representantes da empresa adxudicataria, Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa).
Oresa formalizou todos os trámites administrativos esta mesma semana e posteriormente informou ao Concello para coordinar as medidas de seguridade e alternativas de tráfico durante as obras..
O proxecto consistirá no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.
Ademais, contempla a creación dun aparcadoiro público gratuíto en superficie con 55 prazas fronte ao centro de saúde, que era unha das principais demandas dos veciños.
A firma fixo unha oferta económica de 316.000 euros tras rebaixar en 113.000 euros a contía sobre o orzamento de licitación. Así e todo, o montante total desta actuación superará os 400.000 euros incluíndo o custo da consecución dos terreos