Batalla de regueifas en Sanxenxo
Por Redacción
O auditorio do pazo Emilia Pardo Bazán acolleu este xoves o I Certame de Regueifas do Concello de Sanxenxo, organizado polo IES Sanxenxo en colaboración co IES Vilalonga e Colexio Abrente.
A idea é achegar a poesía, a regueifa e a improvisación dunha maneira lúdica ao alumnado dos centros de secundaria do municipio coa finalidade de fomentar a oralidad, a creación artística, eliminar prexuízos lingüísticos e recuperar a regueifa como unha tradición propia e un medio de achegamento de aprendizaxe da poesía.
Previamente desenvolvéronse nos diferentes centros dúas xornadas de talleres para ensinar ao alumnado a técnica necesaria para a composición das regueifas e o uso da improvisación.
Durante estes talleres, o alumnado de segundo da ESO dos tres centros educativos aprendeu a improvisar oralmente os seus poemas en galego da man da regueifeira Lupe Blanco e do regueifeiro Josiño da Teixeira. No certame, o estudantado tivo ocasión de mostrar os coñecementos adquiridos regueifando cos compañeiros dos outros centros de secundaria da vila.
O encontro deste xoves serviu para, dentro dunha xornada de intercambio, poñer en práctica todo o aprendido e poñer en valor a nosa cultura popular.
Este proxecto, patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, non tivo carácter competitivo polo que, ao finalizar, todos os grupos participantes recibiron unha rosca como premio.