O Goberno supervisa a preparación da loxística para as eleccións xerais en Pontevedra
Por Redacción
Un total de 1.355 mesas electorais estarán habilitadas en Pontevedra para as próximas eleccións xerais do 28 de abril. A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, comprobou o estado dos traballos de loxística previos a esta cita electoral, que están a realizar os funcionarios da administración do Estado na provincia.
As instalacións do parque móbil do Estado na Xunqueira acolleron esta tarde todo o operativo para a confección da documentación coa que contará cada unha das mesas electorais que funcionarán o próximo domingo día 28 de abril.
Larriba salientou que dende a Subdelegación distribúense case dez millóns de papeletas para o Congreso para as 12 candidaturas que se presentan na provincia e case que outro millón para o Senado, amais de 817.000 sobres.
Os 61 concellos da provincia dispoñen de 1.228 cabinas electorais e 3.742 urnas que forneceu a Subdelegación do Goberno para a celebración da xornada electoral. Xa están nomeados tamén os 743 representantes da administración, que son os encargados de transmitir os datos de participación e os recontos oficiais das mesas co escrutinio definitivo.
A estes representantes da administración se lles asignará un dispositivo móbil co que transmitirán os datos da totalidade das mesas da provincia.
O próximo 28 de abril, ademais, estarán mobilizados máis de 2.300 efectivos da Garda Civil, Policía Nacional e policías locais que velarán pola seguridade da xornada de votación.