Dúas persoas detidas polo roubo nunha tenda 24 horas en Sanxenxo
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Sanxenxo e Meaño como presuntos autores dun roubo con forza cometido nunha tenda 24 horas situada nunha céntrica rúa da localidade de Sanxenxo. Atribúeselles tamén o furto dunha tarxeta de crédito coa que encheron o depósito de gasolina do coche.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, as investigacións foron realizadas polo Posto Principal da Garda civil de Sanxenxo, no marco da denominada operación " Piruleta".
Os feitos tiveron lugar o mes pasado cando un individuo entrou de noite no local e aproveitando que o propietario se atopaba ao fondo do establecemento, arrincou violentamente a caixa rexistradora, dándose á fuga nun coche que o esperaba con outra persoa no exterior.
As pescudas que a Garda Civil estaba a realizar para identificar a dous mozos que o día anterior encheran o vehículo nunha gasolineira de Meaño, onde pagaron cunha tarxeta subtraída, facilitaron a localización dos autores do roubo da tenda 24 h por tratarse das mesmas persoas, segundo púidose pescudar.
Trátase de dous veciños de Sanxenxo e Meaño, de 29 e 35 anos, cun amplo historial delituoso, que foron detidos como presuntos autores dun delito de roubo con forza nas cousas e outro de furto.
As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de Garda de Cambados, onde deberán comparecer os arrestados cando sexan citados.