Sesenta artesáns participarán en xuño na nova edición da Feira de Cuspedriños
Por Redacción
Un ano máis, o Concello de Cerdedo-Cotobade vai habilitar un total de 60 postos oficiais para a XIII Feira de Cuspedriños que, nesta ocasión, celebrarase o domingo 2 de xuño.
Os postos estarán distribuídos en ata cinco zonas distintas do antigo mercado, os pendellos e a carballeira deste lugar da parroquia de San Xurxo de Sacos. Tres correspóndense coas mesas de pedra do mercado, do exterior deste recinto e dos pendellos e as dúas restantes coa parte superior e inferior da carballeira.
Ademais, o Concello tamén vén de abrir o prazo de solicitude destes espazos ata o vindeiro 10 de maio, polo que as persoas interesadas deberán cursar a súa petición no Concello ou a través do enderezo electrónico turismo@cerdedo-cotobade.gal.
Como soe ser habitual pola elevada demanda, o Concello poderá ampliar despois a concesión de postos, pero xa fóra destes espazos centrais.
Os postos, que por norma terán unha lonxitude de entre 2 e 3 metros agás en casos excepcionais, están orientados a produtos de artesanía, alimentación e agricultura e daráselle prioridade aos obradoiros, aos que posúan a carta de artesán de Galicia ou aos que estean adheridos ao consello regulador de produción ecolóxica.
Tamén se esixe que os postos conten con ambientación da década dos cincuenta para recrear os antigos mercados tradicionais, que os dependentes acudan con vestimentas de época, a existencia de lista de prezos, a rotulación dos carteis en galego e a apertura de 10.00 a 19.00 horas na xornada festiva.
A XIII Feira de Cuspedriños, que leva varias edicións consecutivas superando a barreira dos 4.000 asistentes, volverá a contar con numerosas actividades coas que se pretende recrear o ambiente dos poderosos mercados que se celebraban na zona a mediados do século pasado ao tempo que homenaxea o pasado do municipio.
Así, a programación, na que aínda se está traballando e que se coñecerá nas vindeiras semanas, contará con actividades musicais e de baile e ambientacións propias de antano, como os cantos de cego, o afiador ou xogos populares, entre outros.