A Unidade de Psoríase do CHOP distinguida de novo como a mellor de España na atención ao paciente
Por Oskar Viéitez
A xefa de servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), a doutora María Ángeles Flórez Menéndez, recibiu este xoves en Santiago a placa que distingue á Unidade de Psoríase de Pontevedra como a mellor de España na atención ao paciente.
Xunto a ela, profesionais e membros da dirección do complexo pontevedrés asistiron a un acto que contou coa presenza do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e representantes do resto das áreas sanitarias.
A área de Pontevedra e O Salnés resultou ser a segunda da comunidade galega máis distinguida polos Premios Best in Class 2018, pois a maiores da mención de honra obtida polo servizo de Dermatoloxía, en total foron seis os servizos e procesos asistenciais de Pontevedra os que resultaron elixidos finalistas nestes galardóns nacionais: o servizo de Dixestivo pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva; Medicina Interna como servizo e pola atención do VIH-Sida; Dermatoloxía como servizo, e Psiquiatría, como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia. Representantes destas diferentes especialidades recibiron o diploma acreditativo correspondente.
O servizo de Dermatoloxía de Pontevedra leva catro anos consecutivos acumulando premios, pois en 2017 recibiu dúas mencións de honra e nos anos 2016 e 2015 acadou o Premio á mellor Unidade de Psoríase en atención ao paciente.