O PSOE leva a campaña para o 28A a Vilaboa e pide: "Non podemos permitir que o Senado se converta no refuxio do PP"
Por Redacción
A campaña socialista de cara ás eleccións xerais do próximo 28 de abril chegou este venres ata Vilaboa. Os candidatos que encabezan as listas ao Congreso e o Senado, Olga Alonso e Modesto Pose, mantiveron un encontro aberto coa veciñanza para escoitar as súas inquedanzas e trasladarlles o proxecto socialista.
No acto estiveron acompañados polo actual alcalde de Vilaboa, o socialista José Luis Poceiro, que agradeceu a presencia de Alonso e Pose e defendeu o PSOE como o "partido da xustiza social, o que se abre á cidadanía para escoitar as súas inquedanzas e a súas propostas".
Modesto Pose, actual senador por designación autonómica e candidato á reelección, fixo un chamamento a mobilización o 28A sinalando a importancia de votar, sen esquecerse de facelo tamén polo PSOE ao Senado. "Non podemos permitir que o Senado se converta no refuxio do PP e as súas políticas reaccionarias", pediu e fixo un chamamento a que os galegos se sitúen na cabeza das conquistas sociais.
O candidato ao Senado, ex secretario xeral dos socialistas pontevedreses, denunciou tamén as mentiras do Partido Popular: "non hai ningún argumentario do PP que soporte a proba do algodón". Ademais, reivindicou que o goberno socialista de Pedro Sánchez fixo unha aposta decidida polas pensións coa subida das pensións mínimas e non contributivas nun 3%, unha medida que chega a 2,3 millóns de pensionistas, e tamén a as de viuvez nun 7%, aumentando a base reguladora ata o 60%.
Olga Alonso defendeu que nos meses de goberno de Pedro Sánchez tamén houbo unha aposta decidida polas políticas sociais e polo emprego e fixo especial fincapé na colaboración mantida polo Goberno socialista cos axentes sociais, unha colaboración que sinalou como "esencial" e "sinal de identidade das e dos socialistas".
"O 28 de abril todas e todos temos que ir votar para poder continuar coas políticas sociais", finalizou, pedindo o voto para o PSOE.