Pontevedra, a provincia cos concellos "máis activos" na promoción da igualdade de xénero
Por Natalia Puga
Pontevedra é "unha das provincias nas que os seus concellos son máis activos" no ámbito da promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero, segundo asegurou este martes a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
López Abella presentou aos alcaldes, concelleiros e técnicos da provincia a convocatoria de axudas e subvencións aos concellos para a promoción da igualdade, nas que a Xunta de Galicia destina este ano 3,3 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo.
Acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que na provincia existen 26 centros de información á muller (CIM) e que precisamente son estes servizos os que recibirán a "partida máis cuantiosa" de linea a de axudas presentada.
Destacou, así mesmo, que en caso de Pontevedra os concellos se poderán ver beneficiados por un dos criterios aos que este ano se dan prioridade á hora de conceder as subvencións, que vaian agrupados. "Sabemos que efectivamente hai concellos de Pontevedra que prestan servizo non só ás veciñas dun concello determinado, senón tamén na súa área de influencia que non teñen un CIM", indicou ao respecto.
Segundo informou a secretaria Xeral de Igualdade aos alcaldes na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o ano pasado destináronse en Galicia 3,6 millóns a estes fines e quedaron sen executar preto de 400.000 euros, polo que na convocatoria deste ano dedicaranse tamén a promover a igualdade nos concellos a través doutros programas.
En concreto, en Pontevedra, o ano pasado participaron 21 concellos e subvencionáronse 42 programas. O investimento destinado a esta provincia foi de 572.336 euros. 21 destes programas destináronse a promoción da igualdade a prevención da violencia de xénero, por un montante total de 44.891 euros. 6 programas máis dedicáronse ao fomento da conciliación nos que se investiron 40.222 euros. E finalmente, outros 15 programas municipais apoiaron os CIMs. Nestes últimos investíronse 487.22 euros.
A convocatoria do presente ano engloba tres programas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación; e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).